Crítica de Ostrácia por Armando Requeixo, em El ideal gallego e Diario de Ferrol, 10 jan do 2016

Coa forza descomunal dunha cicloxénese narrativa chega ás landas literarias galegas a Ostrácia de Teresa Moure, unha autora indócil, subversiva, radical, que avanta en cada proposta literaria propoñendo, sempre, un novo triplo mortal.

O que Ostrácia nos trae é a Rusia bolxevique na que a fascinante Inessa Armand coñece a Lenin e namora del para, xuntos e na compañía dun feixe de afoutos camaradas, botar a andar a Revolución de outubro de 1917.

Cómpre deixalo claro dende o principio: Ostrácia non é unha novela histórica, é unha narración temporalmente desprazada a un tempo pasado, se se quere, un universal temático que acontece nunha altura pretérita onde a Humanidade vive unha fractura social que facilita a crise idónea para que unha peculiarísima relación de dous seres teña lugar, pero non se pretende facer fresco histórico ningún.

Ítem máis: Ostrácia tampouco é unha novela de mulleres. A protagonista é feminina, si, pero o seu coprotagonista é un home e, ainda que haxa outras mulleres en papeis principais (Alexandra Kollontai, Nadia Krupskaia, Várvara Armand) o que se procura é a complexa fibra das relacións humanas, sen facer do xénero unha bandeira anuladora nin rexistrar peripecias ideadas deliberadamente para gañar o favor dun público feminino, o que non quere dicir que a posición deducible das praxes particulares non camiñe nunha dirección inequívoca.

O que Moure explora é a identidade e as relacións interpersoais, tanto colectivas coma individuais. As marxes, a disidencia, a loita pola liberdade. Velaí a mandorla destas planas que ancoran na dialéctica circular e implicatoria da Política e a Erótica.

A Política como ética revolucionaria (bolxevique, para o caso), como natureza salvaxe (antiburguesa) que precisa da Paixón, a Vontade, o Desexo que só a Erótica é quen de dar, esa entrega incondicional, esa fusión de dous seres que se aman louca, desesperadamente, esa proxección comunicante (fóra tverdost incómodas) para facer a Revolución.

Mais Ostrácia é tambén un sudario de néboas soidosas, de agonías do desterro, estigmas dun exilio ao que Armand se ve arrastrada tanto pola súa condición de muller insubmisa como polo ardor transgresor da sua paixón. Ostrácia é un non lugar, un non tempo, un estado do ser en exclusión voluntaria, a renuncia polo máis nobre e esencial romaticismo orixinario, unha amoroloxía xenuína.

De por parte, este relato encerra asemade unha (re)lectura histórica na que amores e clamores conflúen. Fronte ao aparencial, aos discursos do poder establecido que configuran unha codificación patriarcal e oficialista da Historia, hai nestas páxinas unha aposta feroz pola disidencia, pola inadecuación, polos vieiros outros, o que fai do libro un artefacto sumamente revelador.

Mais non só dende o motivacional ou temático é Ostrácia un voar de inusual libertario, tamén a súa ambición formal é superior. Velaí a polifonía que reverbera en correspondentes epistolares, informantes, autora implícita, narrador omnisciente e voces de personaxes como Inessa ou Várvara Armand, pero também o xogo polixenérico do que participan cartas, entrevistas, diarios (ben poéticos, por certo), críticas e ata miniensaios, todo nunha alternancia de espellos que se multiplican, que se velan, e develan con luzadas por veces simbólico-metafóricas da man de arañas tecedoras ou lobos esteparios nun auténtico carrusel metaliterario.

Mesmo o proceso comunicativo que a propia novela abre é balizado dende o autorial, pois Moure engade reflexións ao proceso creativo que conducen a un control férreo (verdadeiramente leninista) da interpretación do texto,  dispoñendo como remate á obra unha ficción autocrítica que ironiza e deconstrúe as codificacións simplistas desta ópera múltiple, de lectura varia, como a Rayuela cortazariana.

Porque outro idioma narrativo é posible, porque o natural é erótico e político, porque somos alén das cápsulas, xéneros e falsas interpretacións, cívicos pero incorrectos, activistas e vindicadores, Ostrácia importa: importa a Revolución.

 

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *


*

Pode usar estas etiquetas HTML e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>