Crítica de Ostrácia de Mario Regueira, em Sermos Galiza

As arañeiras da revolta

 É posíbel que Ostrácia sexa a novela máis ambiciosa de Teresa Moure desde aquela Herba moura que supuxo unha parte importante da súa consagración hai case unha década. Como aquela, trátase dunha novela histórica, e como aquela céntrase na reinterpretación de dúas figuras históricas que desenvolven a súa relación nun ambiente tan atractivo coma elas mesmas. Trátase de Vladimir Lenin e Inessa Armand e os seus avatares durante os longos anos de preparación, triunfo e estabelecemento da revolución soviética. Un proceso longo que inclúe os anos do exilio e o regreso a Rusia para definir un proceso que mudaría a historia do mundo e da loita obreira para sempre. O punto de partida é tan sedutor como complexo. Achegarse a unha figura tan sacralizada como Lenin é un asunto delicado. Un líder a quen Vicente Huidobro dedicara aquilo de “o noso deber é defenderte de ser deus” e que aínda hoxe protagoniza debates tensos e é defendido desde as posturas máis inesperadas non é doado de reflectir nunha ficción. Nese sentido, e contando coa experiencia feminista da autora, daría para agardar que a novela se centrase sobre as cuestións organizativas da nova sociedade soviética, especialmente na abolición da familia convencional e da moral burguesa propugnadas por Alexandra Kollontai. E porén, aínda que nunha novela situada nesas coordenadas a Kollontai xogue un papel importante, a primeira sorpresa é como o foco temático é desprazado a outras cuestións nas que o tenso romance entre Lenin e Armand terá un protagonismo indiscutíbel. Así, máis que de aspectos organizativos, a novela fálanos da posibilidade de entender o amor como unha cuestión política e o seu papel nunha sociedade igualitaria. Unha lectura acompañada de achegas iconoclastas entre as que podemos contar a valoración do amor fou como unha potencia transgresora, capaz de abrir novos camiños á utopía ou, a máis definitoria dentro da trama, de achegar a loita revolucionaria ao BDSM, como actividades nas que a confianza e a entrega nos demais cobra unha importancia fulcral. Visións non compracentes da revolución que apuntan nun único sentido: o potencial papel da paixón sen límites nun proceso revolucionario, o seu papel liberador e, tamén, as débedas e problemáticas que arrastra. Da mesma forma que en Herba moura, Ostrácia incorpora unha outra trama ambientada na Galiza contemporánea. A diferenza con aquela novela, esta ten unha presenza moito máis modesta e porén máis produtiva, xa tende á reflexión meta-narrativa. Un eu ficcional que está a escribir a historia de Lenin e Armand reflexiona sobre os motivos para facelo e tamén sobre un complexo proceso creativo no que deslindar o eu de cara aos demais é tan difícil como atopar o equilibrio entre a crónica histórica minuciosa e a invención carente de referentes. Desta forma, acompañamos tamén as dúbidas, as actividades de documentación e unha otra reflexión sobre o amor e sobre animais que, como as arañas, poden ser símbolos dunha actitude revolucionaria. Próximos a este aspecto están tamén os paratextos que, por unha banda, tratan de romper moitos dos tópicos cos que se interpretara Herba moura, aconsellando unha lectura determinada que escape das visións compracentes que esta recibiu. Por outra parte, outros serán interpretados algún día como exemplos da ansiedade pola recepción, común a quen sabe que está a empregar unha norma marxinalizada dunha lingua marxinalizada. A pesar de que podemos comprendelas, e mesmo compartilas, o certo é que restan unha parte importante de liberdade a outras posíbeis lecturas, como se a man da autora tivese que guiarnos durante todo o texto acoutando o noso camiño por el. Outro aspecto negativo é, sen dúbida, a lonxitude excesiva dunha trama que nunca deixa de interesar pero que dista moito de ser trepidante e acaba caendo no perigo da monotonía. De entre o positivo, todas as cousas que sempre atopamos en Teresa Moure. Perspectivas novas e provocadoras e un discurso comprometido, capaz de alumear os aspectos menos evidentes das cousas. E aínda que haberá, sen dúbida, decepción entre algunha ortodoxia leninista, a autora non deixou de facer o mesmo que Huidobro pedía hai case un século, defender os seus personaxes da sacralización, facelos tan humanos coma nós.CríticaOstr_MRegueira

Deixe um comentário

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *


*

Pode usar estas etiquetas HTML e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>